NOIA> Uns 1400 mariscadores da ría de Noia volverán ó traballo o próximo 13 de outubro. A campaña arranca con moitas ganas tras meses sen actividade por mor das riadas que acabaron co 80 por cento de recurso. Sen embargo, as expectativas son moderadas.
A lonxa de Testal recuperará a actividade o martes 13 de outubro, cando preto de 1400 mariscadores volverán ó traballo. Aínda que as expectativas non son demasiado optimistas, dende a confraría agardan recoller o dos labores realizados ó longo de todo o ano con limpezas, vixilancias, arados e sementeiras.
Os topes neste inicio de campaña, que se centrará no banco da Misela, serán de 20 quilos de berberecho para o primeiro e segundo tripulante de a flote e 13 a partir do terceiro, a mesma contía que para as mariscadoras a pé. Con respecto á ameixa, a Xunta limitou a tres quilos de xapónica e un de fina prohibindo a extracción de babosa.
Aínda que as mostraxes non auguran grandes cantidades de marisco, dende a confraría confían nunha boa cotización, especialmente nestas primeiras xornadas de maior demanda por parte das conserveiras. Agardan tamén que non se volvan producir as riadas dos útimos anos para preservar a gran cantidade de cría que se observa nas autorizacións co fin de non comprometer futuras campañas.











