VILAGARCÍA> Segunda xornada da nova campaña de vacinación masiva contra o coronavirus. Nós hoxe estivemos en Fexdega, en Vilagarcía, habilitado agora como un dos 14 puntos que hai repartidos por toda Galicia para administra-las doses. Neste caso a xornada transcorreu con total fluidez, sen ringleiras e sen demoras.
É case a unha do mediodía e no Fexdega de Vilagarcía xa se vacinaron os que tiñan vez para dentro de media hora. A fluidez e a boa organización do dispositivo foron a tónica dominante nesta segunda xornada desta campaña de vacinación anticovid.
A vacinación masiva comezou co grupo de idade de entre 60 e 65 anos. Están a ser vacinados con AstraZéneca. Ante o debate xerado en torno a esta vacina e as súas consecuencias, algúns recoñecían ter medo ou acudir á súa cita con certo nerviosismo.
Os que xa recibiron a picada din que apenas notaron molestia. Agora, na casa, deberán estar atentos nas vindeiras horas por se sofren algunha reacción. Unha vez recibida a primeira dose, toca agardar pola segunda.
A vacinación con AstraZéneca continuará mañá para as persoas de entre 60 e 65, ao tempo que arranca a quenda daqueles que teñan entre 75 e 79 anos. Neste caso, recibirán o fármaco de Pfizer.