O GROVE> Esta tarde comezaría a operación saída de Semana Santa. Un costume que este ano está prohibido pola alerta sanitaria polo coronavirus. A orde de confinamento mantense e reforzaranse os controis para evitar os desprazamentos. No Grove xa detectaron a intención dalgunhas persoas de viaxar ata as súas segundas residencias do municipio. O alcalde recorda que está prohibido e castigado con importantes multas. Para evitalo, pecharán o municipio con fortes controis.
Esta Semana Santa esta imaxe da praia da Lanzada só estará no noso recordo. Os areais, as terrazas e as rúas en xeral terán que seguir estando baleiras a pesares de entrar no período vacacional. Seguimos en Estado de Alarma pola alerta sanitaria.
As alarmas saltaron no Grove despois de que o concello recibira informacións sobre propietarios de segundas residencias con intención de viaxar ata o municipio, un dos destinos turísticos por excelencia de Galicia. Algo que, recorda o alcalde, está prohibido.
Para evitar estes movementos, dende o Ministerio do Interior xa anunciaron controis extraordinarios nos lugares de orixe.
Ademais, José Antonio Cacabelos apela á responsabilidade e á solidariedade da cidadanía.
Nestes momentos O Grove suma once sancións por incumprir as restricións do Estado de Alarma. Tamén son once os veciños contaxiados polo COVID-19: cinco están illados nos seus domicilios e seis atópanse ingresados no Hospital Montecelo.