Acordo histórico en Ribeira para a recuperación económica e social do municipio

RIBEIRA> Esta fin de semana asinábase no Concello o Plan Reactiva co apoio do Partido Popular, Partido Socialista, BNG e Suma Ribeira. O documento contempla un investimento de máis de cinco millóns de euros.

O salón de plenos acollía este pasado sábado o acto de sinatura do acordo para a posta en marcha do denominado Plan Reactiva Ribeira. A proposta foi asumida por parte dos grupos municipais do Partido Popular, PSdG-PSOE, BNG e de Suma Ribeira. O Partido Barbanza Independente foi a única formación con representación na corporación municipal que pola súa vontade quixo manterse fóra deste ambicioso proxecto no que se senta as bases da recuperación social e económica do municipio para tratar de contrarrestar os efectos da crise do Covid-19.

O acto contou tamén coa asistencia de diversos axentes representativos da vida social e económica do municipio tales como a Asociación de Empresarios, representantes das Amas de Casa, Cáritas ou ICE Renovación, entre outros.