Núñez Feijóo advirte: Galicia aínda non chegou ao ‘punto álxido’ da pandemia do coronavirus

GALICIA> En Galicia, xa hai 4.635 contaxiados, e na Xunta de Galicia optan pola cautela. Este mediodía, o presidente galego anunciou varias medidas sociais e económicas para paliar os efectos da crise provocada polo coronavirus. E é que, segundo Alberto Feijóo, aínda quedan días e semanas duros na loita contra o virus.

4.635 persoas diagnosticadas, 435 dadas de alta e 149 falecidos. Estas son algunhas das cifras que nos deixa a pandemia do coronavirus en Galicia. Por iso, dende a Xunta aseguran que aínda quedan momentos duros.

Núñez Feijóo fixo un chamamento á cautela da cidadanía. O presidente autonómico asegura que as medidas de confinamento están a funcionar, pero aínda queda por afrontar o pico da presión asistencial. Na actualidade, 178 persoas están na UCI e 879 en hospitalización.

En Galicia, a taxa de letalidade é das máis baixas de España: un 2,64% fronte ao 9,29% da media estatal. A pesares disto, Núñez Feijóo advertiu que non van minimizar a situación dramática que estamos a vivir. Tamén asegurou que insistirán na súa aposta por xeralizar os tests.

Hoxe o goberno da Xunta aprobou unha partida de 5,1 millóns de euros para a compra de novas probas. Tamén de máis material sanitario algo que, asegurou, fan dende inicios de marzo.

O Consello da Xunta aprobou hoxe varias medidas sociais, entre elas a asunción do cento por cento das cotas das escolas infantís públicas, concertadas e de iniciativa social, así coo dos centros de día públicos, de atención ao alzhéimer ou á discapacidade. Tamén se ampliou a axuda no fogar para financiar sen custo aos usuarios medio millón de horas mensuais máis.