Seis costureiras colaboran co Concello de Poio na fabricación de máscaras sanitarias

POIO> A falta de material é un dos principais problemas cos que se están atopando os sanitarios da nosa contorna. Co obxectivo de axudarlles, son moitas as persoas e colectivos que puxeron en marcha diferentes iniciativas nos últimos días. Unha delas naceu en Poio. 6 costureiras decidiron colaborar, de maneira altruísta, na fabricación de máscaras.

A solidariedade crece nestes días de confinamento. Ante a falta de material sanitario, 6 costureiras da comarca decidiron unir forzas e colaborar co Concello de Poio na fabricación de máscaras.

Marina Navarro conseguiu involucrar nesta iniciativa a outras costureiras de Poio, Pontevedra e Ponte Caldelas. Unha delas contactou co Concello de Poio e este facilitoulles o material.

O material foi doado por diferentes empresas, entre elas, Confección ENCA, a empresa Bien Bonito e a Mercería FIOS de Combarro.  Ademais, trátase dun material que pode ser reutilizado, sempre que sexa lavado a unha temperatura de 60 grados. Tras unha semana de traballo, estas costureiras conseguiron fabricar preto de 500 máscaras.

Estas costureiras continuarán traballando e colaborando ata que sexa necesario. Iso si, piden a colaboración de toda a cidadanía para conseguir máis material. En especial, máis gomas. Todos os que queiran axudalas poden poñerse en contacto coa Casa Rosada de Poio no número de teléfono 986 87 24 01.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí