Boiro ordena o peche dos parques e as instalacións deportivas

BOIRO> A situación que padece a día de hoxe o Concello, co aumento significativo dos contaxios, leva ó executivo local a aumentar as medidas de control e seguridade no municipio. A través dun Decreto de Alcaldía publicado esta mañá ordénase o peche dos parques infantís e das instalacións deportivas, así como tamén a suspensión das actividades deportivas e culturais previstas para os próximos días.

Xa o anunciaba onte o alcalde, Xosé Ramón Romero. Se o número de casos continuaba na media dos últimos días, incrementaríanse as medidas de prevención para o control da situación epidemiolóxica. esta mañá o rexedor daba orde de precintar os parques infantís, así como tamén as pistas ó aire libre e as instalacións deportivas co obxectivo de previr contaxios e evitar así o peche perimetral por parte das autoridades sanitarias.

Quedan suspendidas tamén temporalmente as actividades deportivas e culturais previstas para os próximos días, a excepción do equipo Rotogal Boiro Voleibol, que milita na Superliga 1, ó que se lle permitirá o uso do pavillón da Cachada para adestramentos e competicións, aínda que os partidos serán sen público nas gradas.

Preocupados tamén pola mobilidade que se poida dar durante este mes de decembro no que nos atopamos, e moi especialmente durante a ponte que se achega, dende o Concello pídenlle á veciñanza que non realice desprazamentos innecesarios e cumpra de xeito estrito coas medidas de seguridade e prevención para o control da pandemia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí