Aforo limitado en Santa Rita: como moito 61 fieis por misa

VILAGARCÍA> A festividade de Santa Rita, en Vilagarcía, virá marcada este ano pola crise do coronavirus. O Concello e as Madres Agustinas elaboraron un protocolo de seguridade, para evita-la propagación do virus. Cada un dos oficios relixiosos terá un aforo limitado e os fieis só poderán acceder cun pase. O propio día da festividade, Canal Rías Baixas emitirá varias misas para aqueles que teñan que quedar na casa.

A multitude que tradicionalmente acompaña a Santa Rita pola súa festividade quedará este ano na casa. Ante a crise do coronavirus, os festexos este ano terán un formato diferente. Coa procesión do 22 de maio suspendida, o Concello e as Madres Agustinas deseñaron un protocolo para garanti-la seguridade dos fieis que poidan asistir ás misas, tanto do día grande, como da novena que comezou hoxe.

O acceso ó santuario estará restrinxido. Terá unha capacidade máxima de 61 fieis por oficio. Pero, para evitar ringleiras innecesarias ás portas do templo, decidiuse facer un reparto de tickets para aqueles que queiran participar de xeito presencial. O reparto, iso si, farase por orde de chegada e o pase só será válido para a misa que nel se in dica.

O uso da máscara será obrigatorio e na entrada da igrexa haberá xel desinfectante. Suprimirase o acto de da-la paz e a comuñón darase en man. Tamén se deseñou un protocolo para mante-las distancias de seguridade, cun metro e medio de separación entre cada persoa.

O día grande, o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil encargaranse do control dos asistentes.

Para aqueles fieis que queden na casa, o 22 de maio Canal Rías Baixas fará unha transmisión das misas das 9 mañá, das 12 do mediodía e das 8.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí