Os panadeiros alíanse cos padriños esta Pascua para que os afillados non queden sen rosca

VILANOVA> As panaderías están decididas a que os afillados non queden sen Pascua. Nesta época tan importante para o sector, moitos están apostando por engadir un plus ao seu servizo: o reparto a domicilio dos encargos que fan os padriños.

O pan e o biscoito están moi ben, pero a estrela indiscutible da Pascua é a rosca. Na Panificadora Prado y Romero, no polígono vilanovés de Tremoedo, os fornos traballan sen descanso.

Manuel Romero  leva máis de 50 anos dedicado a este mundo. Os tempos cambiaron, pero el segue apostando pola artesanía no seu oficio. Iso si, nunca viviu un momento coma este porque o seu sector, coma todos, non é alleo á alerta sanitaria polo coronavirus.

O reparto a domicilio converteuse nestes días nunha vía de negocio moi importante para esta panadería. Deste xeito, a xente pode cumprir co confinamento e, ao mesmo tempo, seguir gozando do pan fresco e artesán.

E nesta Semana Santa tan diferente, a entrega porta a porta é a opción máis solicitada pola súa clientela. Este ano a Manuel e ao seu equipo multiplícanselle os afillados: eles farán de intermediarios, e levarán as roscas ata as súas casas.

Así que xa saben, que o Estado de Alarma ou o coronavirus non lles sirva de excusa para non cumprir coa súa obriga como padriños ou madriñas. Se non teñen rosca para os seus afillados, aínda están a tempo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí