Expertos galegos non ven utilidade clínica aos case 58.000 tests enviados polo Goberno

VILAGARCÍA> O comité galego de xestión da crise do coronavirus desbota o uso dos test rápidos enviados polo Ministerio de Sanidade á Xunta de Galicia. Segundo os profesionais, as máis de 57.700 probas recibidas non teñen utilidade clínica para facer un cribado en residencias e profesionais sanitarios, porque non permiten distinguir o momento no que se atopa a infección.

Estas probas non distinguen que anticorpo está presente no organismo; unicamente que existen. Por este motivo, habería que facer igualmente as probas coñecidas como PCR para poder confirmar se o usuario ten realmente o virus ou xa a superou.

Segundo Vázquez Lima, si serían útiles para facer estudos epidemiolóxicos para coñecer a porcentaxe de poboación que estivo en contacto co COVID-19. Ademais, insistiu na importancia de manter as medidas de confinamento que está a cumprir a poboación.