POBRA> Seis meses de cadea para dous veciños da Pobra por incumprir o confinamento. Esta é a pena decretada polo Xulgado de Ribeira despois de que os infractores saíran á vía pública en máis de vinte ocasións sen xustificación.
A pesar das advertencias e do incremento dos controis aínda hai quen non só se salta o confinamento senón que tamén reincide. É o caso dun veciño da Pobra que ingresou en prisión polo reiterado incumprimento das normas derivadas do estado de alarma. Xa a finais de marzo fora multado con setecentos vinte euros por saltarse o confinamento ata once veces. Semella que a sanción económica non o disuadiu posto que, dende entón, foi detectado na rúa outras nove veces polo que o xulgado de instrución número 2 de Ribeira decretou unha pena de seis meses e vinte días de prisión.
A mesma condena deberá cumprir outro pobrense como autor dun delito de desobediencia grave tras incumprir a prohibición de saír á rúa en máis de quince ocasións. Os dous homes están ademais a ser investigados por varios delitos de roubo con forza. A maior parte deles cometéronse en distintos recintos de máquinas expendedoras aínda que tamén accederon a unha panadería e un local hostaleiro. Estes feitos atópanse aínda en fase de instrución.
Por outra banda, unha veciña de Ribeira e outro veciño da Pobra foron sancionados por un delito de desobediencia tras incumprir o confinamento en reiteradas ocasións. A muller que terá que aboar unha multa de catrocentos oitenta euros foi interceptada en varias ocasións; unha delas nun supermercado onde increpada ós clientes. O home, condenado a unha multa de setecentos euros, foi identificado polos axentes ata en cinco ocasións, unha delas pescando. Trátase de persoas con problemas de drogodependencia.