Os menores de 14 anos poderán acompañar aos adultos á compra pero non saír de paseo

GALICIA> A partir do vindeiro luns, os menores de 14 anos poderán saír á rúa, pero só para acompañar ós adultos naquelas actividades que podían facer… Os rapaces non poderán saír xogar, pero si poderán ir cos maiores a un supermercado ou farmacia. Di o goberno que a medida busca preservar que a saída dos domicilios sexa por unha causa.

Os nenos poderán volver á rúa a partir do vindeiro luns, de forma controlada e sempre acompañados por un adulto. A relaxación do confinamento contempla que, polo de agora, os menores de 14 anos poidan acompañar ós maiores  naquelas tarefas que si estaban permitidas, como ir ó supermercado ou á farmacia.

A relaxación do confinamento para os nenos preparouse seguindo as indicacións dos expertos. Trátase dunha medida que demandaban dende había días comunidades como Galicia. Aquí, uns 320.000 menores poderán saír á rúa a partir da semana que vén. Con todo, o presidente da Xunta insta ó goberno central a reconsidera-la súa decisión sobre os nenos. Entende Feijóo que para os menores é mellor dar un paseo puntual pola rúa que entrar nun supermercado.

O xefe do executivo galego apuntou tamén que o proceso de desescalada social e económica que se vai ir implementando a partir de agora, debe contar con tódalas garantías sanitarias.

Avanzou tamén que os expertos do comité clínico están a traballar nun plan para a recuperación da actividade asistencial ordinaria no Servizo Galego de Saúde. Entre as medidas para evitar aglomeracións, contémplase amplia-lo horario de atención en centros de saúde e hospitais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí