Barrantes sen o Tinto, Cambados co Albariño descafeinado

O SALNÉS> Seguen caendo eventos do calendario festivo por mor do coronavirus. O Concello de Ribadumia decidiu suspende-la Festa do Tinto do Salnés. O evento celébrase na localidade dende hai 47 anos de xeito ininterrompido. En Cambados, entre tanto, o Albariño agarda coñece-lo avance da crise para tomar unha decisión en firme. O Concello valora, por exemplo, manter só a cata e os premios.

Como as fichas do dominó, os eventos festivos da contorna van caendo un tras outro.

Ribadumia quedará este ano sen a súa Festa do Tinto do Salnés. O multitudinario evento vens e celebrando de xeito ininterrompido dende hai 47 anos.

O Concello tomou a decisión, a dous meses da cita. Dende o goberno local entenden que a situación de crise sanitaria fai inviable pensar na posibilidade de organiza-la festa, que ano tras ano reúne en Barrantes a centos de persoas.

Tampouco será o que foi a cambadesa Festa do Albariño. Neste caso non se fala aínda de cancelación, pero si de reducila ó mínimo, para evitar riscos.

O Concello e o Consello Regulador valoran xa alternativas para este multitudinario evento. A decisión final tomarase en función da evolución da pandemia.

Entre as posibles solución que barallan para o Albariño, contemplaríase mante-la esencia da festa, coas catas e a entrega de premios ós mellores viños. Sobre a mesa, tamén se está a estudar controlar e limita-lo aforo ás casetas, para as que o Consello Regulador non descarta outra localización.

En todo caso, o futuro do festexo cambadés máis senlleiro dependerá das indicacións das autoridades sanitarias.