PONTEVEDRA> Todos os concellos da nosa contorna prepáranse para a volta dos nenos á rúa, a partir deste domingo. No de Pontevedra, vaise reforza-la desinfección das zonas máis sensibles, para evitar posibles contaxios. Ante a relaxación do confinamento para os menores, o alcalde da cidade fai un chamamento ós pais e nais, para que fagan saídas responsables cos seus fillos.
A partir deste domingo os menores de 14 anos poderán saír á rúa para dar pequenos paseos. Disporán dun máximo dunha hora entre as 9 da mañá e as 9 do serán e sempre deberán estar acompañados por un adulto, que pode facerse cargo de ata tres menores. Baixo ningún concepto poderán manter reunións con outros nenos alleos ó nucleo familiar.
Ante esta relaxación do confinamento, o alcalde de Pontevedra fai un chamamento á responsabilidade.
O concello de Pontevedra vai reforzar de aquí ó domingo o seu dispositivo de limpeza e desinfección de espazos públicos
Lores entende que o proceso de desescalada está comezando. O alcalde entende que debería facerse atendendo ás particularidades de cada comunidade autónoma e mesmo de cada zona.
O rexedor aproveitou a súa comparecencia para agradecer de novo o bo comportamento dos veciños da cidade ante as restricións do estado de alarma. Tamén recoñeceu o traballo “impecable”, dixo, do persoal sanitario, dos traballadores dos servizos esenciais e das entidades sociais.