Pontevedra recibirá 3 millóns de euros para potenciarse como destino turístico sustentable

PONTEVEDRA> O delegado do goberno fixo este anuncio na visita que hoxe realizou a Pontevedra. Dende a Illa das Esculturas, José Miñones confirmou que o Ministerio de Industria xa aprobou o Plan de Sustentabilidade Turística do concello pontevedrés; un documento que supón un investimento de 2 millóns de euros. Ademais, a cidade recibirá un millón de euros máis para a restauración ambiental da ribeira do Lérez. Entre as actuacións que se farán, destacan os traballos para unir o concello coa Vía Verde do Salnés.

O Ministerio de Industria dá luz verde ao Plan de Sustentabilidade Turística do Concello de Pontevedra. A cidade recibirá dous millóns de euros para potenciar o turismo sostible e poñer en valor o seu patrimonio e gastronomía.

Os cartos proceden dos fondos Next Generation e destinaranse a catro eixos de actuacións en tres anualidades, entre 2022 e 2024.

Entre os proxectos que o concello quere levar adiante, destaca a continuación da Vía Verde do Salnés en Pontevedra.

A maiores, Pontevedra recibirá outro millón de euros para a restauración ambiental do conxunto da ribeira do Lérez, dende As Xunqueiras ata As Aceñas. Os cartos proceden do Ministerio de Industria e o proxecto estará xestionado pola Xunta. Contempla actuacións como a mellora da iluminación e da accesibilidade e a recuperación dun servizo recreativo de barcas.

No marco deste Plan de Sustentabilidade Pontevedra mellorará tamén a iluminación dos espazos naturais, a creación de novos roteiros turísticos polo casco histórico, creará un observatorio turístico e potenciará a marca Pontevedra Capital Gastro.