PONTEVEDRA> Hoxe, 6 de outubro, conmemórase o Día Mundial da Parálise Cerebral. En Pontevedra, a Casa da Luz acolleu un acto reivindicativo organizado por Amencer-ASPACE. Foi baixo o lema ‘Coidar sen renunciar’, poñendo o foco na importancia dos coidados e nos que os prestan, principalmente as familias.
‘Coidar sen renunciar’. Un desexo e, ao tempo, a reivindicación que este ano marcou a conmemoración do Día Mundial da Parálise Cerebral en Pontevedra.
Este ano, Amencer-ASPACE puxo o foco nas familias. A entidade alzou a voz en nome de todos os coidadores para reclamar máis apoios.
Dende o movemento ASPACE recordaron que os coidados teñen tres piares: as familias, as entidades sociais e as administracións públicas. Ás institucións reclámanlles que se garanta un sistema de apoios suficiente, especializado e estable que permita ás familias desenvolver o seu proxecto de vida mentres acompañan aos seus seres queridos.
Apoio psicolóxico e acompañamento, máis investigación e innovación ou un financiamento suficiente e estable, foron outras das demandas.











