A nova biblioteca da Illa, na Casa de Godoy, abrirá as súas portas a comezos de abril

A ILLA> A Illa de Arousa continúa poñendo a punto as Casas Modernistas. O Concello, grazas a unha axuda da Xunta vén, de amobla-la biblioteca da Casa de Godoy. Agora, os traballos céntranse no traslado dos fondos bibliográficos da anterior biblioteca a estas novas instalacións. Calcúlase que o novo espazo podería abrir ao público, a máis tardar, a comezos de abril.

Un dos grandes proxectos da Illa de Arousa, o das Casas Modernistas, continúa avanzando. Co groso das obras xa rematado, o concello traballa agora na dotación de equipamentos para estas instalacións. Na que será a nova biblioteca municipal, na Casa de Godoy, acaban de instala-lo mobiliario dos dous andares, xunto con todo o sistema informático. A a súa adquisición foi posible grazas a unha axuda da Xunta.

En total investíronse uns 42.000 euros. Deles, 30.000 proceden da achega feita polo goberno galego, o máximo que contemplaba a liña de axudas á que se acolleron.

O traslado dos fondos da biblioteca municipal a estas novas instalacións xa está en marcha. Calcúlase que, a máis tardar, este espazo podería estar aberto ao público a comezos de abril. Con todo, nas Casas Modernistas aínda quedan tarefas pendentes, como o arranxo destoutra zona. O concello está traballando no proxecto, que ten que contar co visto bo de Patrimonio.

O delegado da Xunta aproveitou a visita para felicitar ao Concello polo esforzo feito para a recuperación das Casas Modernistas. Comprometeu todo o apoio do goberno galego para sacar adiante, coa maior axilidade posible, a rehabilitación dos espazos afectados por Patrimonio.