PONTEVEDRA> Pontevedra volveu a converterse na cidade dos nenos. A alegría dos máis pequenos é sen dúbida a protagonista destes días. E aínda que na Boa Vila non houbo ningunha denuncia neste sentido, dende o goberno local insisten na importancia de cumprir coas medidas marcadas polo Estado.
Tras máis de 40 días encerrados, a ilusión e a alegría dos máis pequenos volven a encher as rúas da Boa Vila. Unha ilusión e unha alegría que van aparelladas de prudencia e responsabilidade. Polo xeral, os pontevedreses cumpriron coas medidas establecidas polo Estado. Algo que foi aplaudido esta mañá pola voceira do goberno local. Neste eido, Eva Vilaverde asegurou que o modelo de cidade de Pontevedra favorece o cumprimento das normas marcadas para as saídas dos nenos.
Tras a alarma social polas aglomeracións de xente xeradas nalgúns puntos do territorio nacional coas saídas dos máis pequenos, cabe destacar que en Pontevedra non houbo ningunha denuncia. O que si notou o Concello foi unha maior afluencia de xente durante a xornada de onte entre as 11:00 e a 13:00 horas.
Dende o goberno local piden a cidadanía que se sigan cumprindo as medidas de hixiene e que se sigan mantendo as distancias de seguridade. Ademais, recordan que os nenos soamente poden saír a rúa cun adulto.
A pesar do bo comportamento dos pontevedreses, o goberno local segue insistindo na importancia de cumprir coas medidas marcadas polo Goberno durante as saídas dos nenos. Pasear soamente unha hora ao día entre as 9 da mañá e as 9 da noite, a un quilómetro de distancia como máximo e acompañados sempre dun único adulto.