A Facultade Ágora será máis práctica e descentralizada na súa segunda edición

PONTEVEDRA> A Facultade Ágora volve neste 2022. E faino, ademais, con novidades. Nesta segunda edición a iniciativa da Deputación de Pontevedra ofrecerá unha formación de carácter máis práctico sobre o espazo público. Ademais, organizaranse actividades descentralizadas pola provincia, para ver sobre o terreo os cambios que experimentaron os municipios pontevedreses.

Volve a Facultade Ágora. A Deputación de Pontevedra ten todo listo para a segunda edición desta iniciativa formativa sobre o espazo público.

Neste regreso, a facultade inclúe varios cambios que foron suxeridos polos alumnos da primeira edición. Así, incrementarase a presencialidade e descentralizaranse as actividades, con catro obradoiros noutros tantos concellos da provincia. Entre eles, Vilagarcía.

Aos obradoiros asistirán tamén os bautizados como Obaservadores Ágora. Trátase de persoal técnico que participará escoitando, achegando ideas e realizando un informe final.

Outras das novidades desta segunda edición da Facultade Ágora serán a celebración das Conversas Ágora, foros de diálogo sobre o espazo público con persoeiros de referencia, e o obradoiro PoliÁgora, pensada para axentes da Policía Local.

Dende a Deputación explican que a Facultade Ágora supón un piar máis no compromiso do goberno provincial cos cambios no espazo público.

Na primeira edición, a Facultade Ágora formou a 125 persoas como técnicas de espazo público. Un éxito que agardan repetir no regreso da iniciativa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí