O PP queda sen explicacións no pleno extraordinario polo caso do ‘enchufe’ da cuñada de Silva

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra quedou só nas intervencións do pleno extraordinario da Deputación sobre o caso do ‘enchufe’ da cuñada da presidenta Carmela Silva. Nin PSOE nin BNG tomaron a palabra nesta sesión, que foi convocada por mandato xudicial. Un silencio que dende as bancadas populares interpretan como unha condena de culpabilidade. Os nacionalistas, pola súa banda, afearon ao PP o uso do pleno para tratar temas xudiciais que non afectan á institución.

Só o Partido Popular tomou este mediodía a palabra no pleno extraordinario que se celebrou  na Deputación de Pontevedra. A sesión tiña un único punto: pedir responsabilidades á presidenta Carmela Silva polo caso do ‘enchufe’ da súa cuñada.

As preguntas quedaron sen resposta. Nin PSOE nin BNG, que xa o anunciara previamente, interviron na sesión plenaria, que se celebrou por ode do xulgado do contencioso administrativo.

Silva tampouco fixo valoracións trala sesión. Asegurou que xa dixera todo o que tiña que dicir.

Pola súa banda, dende O BNG pecharon filas ao redor dos seus compañeiros socialistas. O vicepresidente César Mosquera afeou ao PP que trouxera este caso ao pleno provincial, defendendo que o debate debía centrarse nos asuntos políticos que afectaran á institución.

Dende o Partido Popular acusaron á Deputación de falta de transparencia. Tamén criticaron que o streaming que normalmente retransmite vía internet os plenos provinciais se cortara xusto ao inicio da sesión extraordinaria.

Os populares están convencidos de que o Goberno Central aprobará un indulto para o funcionario vigués condenado polo caso do enchufe da cuñada de Silva. Pechando así, aseguran, esta trama.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí