GALICIA> Galicia encara esta derradeira noite do ano con récord de positivos e restricións especiais para previ-la expansión do virus. Bares e restaurantes terán que pechar á unha da madrugada e os locais de ocio nocturno, ás 3. Ademais, o toque de ‘non queda’ estará en vigor entre ese hora e as seis da mañá. A Xunta pide aos concellos que nesas horas peche parques e praias para evitar botellóns.
Galicia despide o 2021 inmersa nunha sexta vaga que deixa récord de contaxios, pero tamén novas restricións para frea-lo avance do virus. As normas estarán en vigor ata o 18 de xaneiro, con medidas especiais para esta noite de fin de ano.
Bares e restaurantes terán que pechar á unha da madrugada. Mañá pola mañá, non van poder abrir ata as 9 da mañá, para evitar deste xeito os posibles ‘reenganches’.
No caso dos locais de ocio nocturno, poderán estar abertos ata as 3 da madrugada. A aqueles que non lles compense, poderán bota-lo peche e optar a axudas por parte da Xunta.
Ademais, tanto na hostalería como no ocio nocturno xa é requisito obrigatorio a todas horas presenta-lo certificado covid para poder acceder. Tamén está en vigor o que o goberno galego denominou toque de ‘non queda’. Entre as 3 e as 6 da mañá prohíbese a reunión de non conviventes tanto na rúa como nos domicilios privados. Para esta norma, xa avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, hai excepcións, xa que nesa franxa horaria si está permitido saír á rúa só ou acompañados de conviventes. A medida busca frea-los posibles botellóns que se poden producir, por exemplo, nunha noite como a de hoxe.
Tamén para previr este tipo de concentracións, a Xunta fai un chamamento aos concellos a que durante o toque de ‘non queda’ peche parques e praias. En moitos concellos, a noite de hoxe preséntase como un desafío. En lugares como Pontevedra ou Vilagarcía, hai deseñados operativos especiais das forzas da orde para previ-la celebración de botellóns e o cumprimento do resto de restricións impostas pola Xunta. Ademais do botellón, preocupan tamén as posibles festas ou xuntanzas que se poidan celebrar no ámbito privado. Ao mesmo tempo, Policía Nacional, Garda Civil e Policía Autonómica vixiarán que aqueles locais que se acolleron ás axudas polo seu peche cumpran e permanezan sen actividade ata o 3 de xaneiro.