A Operación Pantín desartella a organización de narcotransportistas máis importante de Galicia

    SALNÉS> Dan por desartellada a organización de narcotransportistas máis importante de Galicia. A operación Pantín desenvolvida durante a fin de semana contra o tráfico de drogas permitiu a incautación de catro toneladas de cocaína e a detención de 28 persoas: 15 no barco que transportaba a cocaína e 13 en terra. Varias delas, na comarca do Salnés.

    Esta fin de semana culminou a Operación Pantín, o operativo do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e da Policía Nacional que permitiu desartellar a organización de narcotransportistas máis importante de Galicia. Coñecidos lancheiros e traficantes formaban parte da trama, que se poñía ao servizo das estruturas de narcotráfico a nivel nacional e internacional para recoller a cocaína en alta mar.

    Hoxe chegou ao porto de Vigo a embarcación con bandeira de Togo que foi abordada pola Armada na fin de semana cando navegaba en augas canarias con preto de 4 mil quilos de cocaína. Esta intervención permitiu a detención dos 15 tripulantes do barco, mariñeiros de Bangladesh e Nepal e un galego.

    De xeito paralelo, o dispositivo realizou unha vintena de rexistros en Galicia, en localidades do Salnés como Vilagarcía, Cambados, A Illa, Vilanova ou O Grove. En terra foron detidas 13 persoas, varias con numerosos antecedentes por tráfico de drogas.

    As pesquisas comezaron hai seis meses, coordinadas pola Fiscalía Antidroga de Pontevedra e dirixidas polo Xulgado de Instrución número 3 de Vigo. Participaron efectivos da Armada Española, a Axencia Americana Antidroga, a National Crime Agency británica e a Policía de Colombia. A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí