Recollen sinaturas para que reabra a piscina de Vilagarcía para persoas que fan rehabilitación

VILAGARCIA> Un grupo de usuarios da Piscina Municipal de Vilagarcía con distintas patoloxías reclama a reapertura das instalacións para poder trata-las súas doenzas. Indican que precisan nadar a diario por recomendación médica. Acaban de iniciar unha recollida de sinaturas para que a Xunta e o Concello reabran o centro, pechado dende mediados de xaneiro polas restricións impostas polo avance da pandemia.

O peche de ximnasios e piscinas pode ser un incordio para aqueles que queren estar en forma pero un calvario para os que precisan do deporte para a rehabilitación de distintas enfermidades.

En Vilagarcía, un grupo de afectados reclama a inmediata reapertura das instalacións municipais. Explican que acoden a nadar a diario seguindo recomendacións médicas, para tratar doenzas como a esclerose, artrite, parkingson ou mesmo minusvalías.

A través dun comunicado, aseguran que precisan deste tipo de actividade física como ferramenta para a rehabilitación e mantemento da súa saúde física e mental porque, explican, agora máis que nunca, a natación sérvelles a regula-las emocións, en especial, a ansiedade e o estrés.

Indican tamén que a medicina sempre recomendou a natación como ferramenta para mellorar diversas patoloxías porque os exercicios dentro da auga permiten mellora-la capacidade motriz, a sensibilidade, a motivación e a actitude dos doentes ante a súa enfermidade.

Os usuarios aportan, ademais, informes de distintos expertos nos que se apunta a que a probabilidade de contaxio en augas de praias ou piscinas é moi escasa.  Un argumento que tamén coincidiría co exposto nun informe do Ministerio de Sanidade, de maio do ano pasado. Nel exponse que o correcto funcionamento e desinfección das instalacións deberían inactiva-la propagación do virus.

Os afectados acaban de iniciar unha recollida de sinaturas en papel e outra virtual, a través de Change.org esixindo á Xunta e ó Concello que garantan a reapertura das instalacións a partir do 17 deste mes. Din que non poden deixar pasar máis tempo sen facer exercicio polo ben da súa saúde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí