Dous anos do inicio dunha pandemia que mudou o noso día a día

VILAGARCÍA> Tal día como hoxe de hai xusto dous anos, a nosa vida comezou a mudar. O 14 de marzo de 2020 declarábase o primeiro estado de alarma para facerlle fronte á crise da covid. Era o comezo dunha pandemia que levou por diante milleiros de vidas, que nos obrigou a quedar na casa e que converteu en cotiá o uso da máscara e numerosas limitacións, ata o momento, impensables.

Vilagarcía, 14 de marzo de 2022. A cidade latexa como sempre, con xente indo e vindo como calquera outro día. Hai hoxe dous anos a imaxe era ben distinta. Aquel 14 de marzo as rúas quedaron desertas e a xente, protexíase nas casas dun mal descoñecido.

O goberno central daba os primeiros pasos na súa resposta contra a pandemia. A partir dese momento comezaron a chover medidas, restricións e limitacións a todos os niveis que mudaron por completo as nosas rutinas.

Hoxe xa podemos andar pola rúa sen máscara e xa se fala da súa retirada nos interiores. As cousas, pouco a pouco, volven a se-lo que eran, pero aínda queda moito para volver á normalidade. Moitas cousas que faciamos antes, aínda non se poden facer. Con todo, moitos fomos quen de adaptarnos ás novas circunstancia. Con paciencia e resignación.

Atrás queda o peor da pandemia e, tamén para moitos, aquel pensamento de que despois disto seríamos mellores persoas. Esa crenza seica se foi esvaecendo a medida que os aplausos ós sanitarios foron desaparecendo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí