Os paseos non teñen horarios en Moraña

MORAÑA> Estas medidas son de obrigado cumprimento, pero hai algúns concellos que non terán que cumprir a división horaria. Son aqueles que contan con menos de 5.000 habitantes, debido ao escaso risco de que se produzan aglomeracións. Na nosa contorna son varios os que cumpren este requisito, entre eles o de Moraña.

Os case 4.200 habitantes do concello de Moraña válenlle un privilexio en plena fase cero da desescalada envexado por moitos: neste municipio non existe un reparto de franxas horarias para gozar dos paseos e da actividade física.

Na comarca de Ulla-Umia hai máis concellos que teñen esta sorte: Portas, Catoira, Cuntis e Pontecesures tamén quedaron por debaixo do limiar dos 5.000 habitantes. Ademais, o seu carácter rural permite aproveitar os espazos naturais para gozar destes paseos.

Esta riqueza natural permite ao concello manter os parques e espazos públicos pechados polo de momento, para minimizar o risco de contaxios.

A pesares das vantaxes que supón pertencer a un concello pequeno, a alcaldesa tamén chama á responsabilidade da veciñanza. Todo para ir recuperando a normalidade.