Un vilagarcián encadéase á porta da Seguridade Social para denunciar unha ‘situación desesperada’

VILAGARCÍA> Un veciño de Rubiáns, en Vilagarcía, está a vivir unha situación desesperada. Con 38 anos, sufriu un accidente laboral o ano pasado que lle deixou importantes lesións. Asegura que sen estar recuperado déronlle a alta en decembro, e dende entón non recibe prestación ningunha e depende dos seus pais. Hoxe encadeouse ás portas da oficina da Seguridade Social en Vilagarcía para dar a coñecer o seu caso.

Con 38 anos, Juan Ramón Balsa asegura que non pode traballar nin levar unha vida normal. En marzo de 2019 sufriu un accidente laboral. O que nun primeiro momento foi diagnosticado como unha lumbalxia, rematou sendo varias lesións nos discos lumbares.

En decembro déronlle a alta médica, pero el asegura que non está preparado para traballar. Dende entón non recibe ningunha prestación e depende dos seus pais. A desesperación levouno hoxe a encadearse ás portas da oficina da Seguridade Social de Vilagarcía.

Juan Ramón rematou por denunciar á mutua, á Seguridade Social e á Tesourería. O xuízo tiña que celebrarse o 30 de abril, pero foi suspendido pola alerta sanitaria. Asegura que as lesións non lle permiten levar nin sequera unha vida normal.

Dende a oficina da Seguridade Social informaron á Policía Nacional. Finalmente, catro axentes convenceron a Juan Ramón para que fuxera fin á súa protesta.