Tres persoas feridas nunha explosión de gas en Vilagarcía

VILAGARCÍA> Explosión de gas en Vilagarcía. Os feitos aconteceron esta tarde nun piso da rúa Bosque dos Desamparados.

Hai tres persoas feridas, un matrimonio e seu fillo duns 20 anos. Unha das vítimas, o pai, tivo que ser evacuado en helicóptero ao Complexo Hospitalario da Coruña, pola gravidade das queimaduras que sufriu.

As outras dúas, pola contra, amosaban danos de carácter leve.

O estourido non chegou a provocar un incendio. Con todo, hai cuantiosos danos materiais tanto no interior do inmoble como no exeterior. Algunhas das fiestras do piso, de feito, saíron disparadas cara a rúa, impactando mesmo contra algúns vehículos que estaban estacionados.

Ata o lugar dos feitos desprazáronse membros do Servizo Municipal de Emerxencias, a Policía Local, a Policía Nacional, os Bombeiros do Salnés e tamén persoal sanitario.

Trala explosión, ata a zona tamén se achegou a Concelleira de Servizos Sociais e a coordinadora de Servizos Sociais por se os afectados precisasen algún tipo de atención.

O arquitecto municipal inspeccionou o estado do edificio de catro plantas, pero non detectou problemas estruturais. Tampouco hai risco de fugas de gas, segundo comprobaron os Bombeiros do Salnés, polo que o resto de veciños puideron volver aos seus domicilios.

A Policía Nacional xa investiga o ocorrido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí