FECA reclama a paralización dos cargos a empresarios e autónomos durante a crise do coronavirus

SALNÉS> Os empresarios e autónomos de Arousa están preocupados, e moito, pola crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus. Dende a Federación Comarcal de Empresarios de Arousa explican que non son alleos ao que se está a vivir no resto do Estado. Consideran que as medidas do Goberno son improvisadas, e reclaman accións reais do executivo para que poidan facer fronte á crise como a paralización de todo tipo de cargos.

As estampas de comercios e empresas pechados que se repiten nas nosas contornas deixan un balance máis que negativo para pemes e autónomos. Os ingresos serán cero, pero as facturas non deixan de chegar.

Segundo explica o presidente da FECA, o tecido empresarial da comarca comparte desvelos co do resto do Estado. Ademais, cren que as medidas do goberno non están á altura das circunstancias.

Consideran que formar un comité de expertos empresarios para asesorar ao executivo podería ser unha boa medida. Xa a curto prazo cren que a paralización de todo tipo de cargos ás empresas e negocios que permanecen pechados é o primeiro paso a dar.

Porque, aseguran, o escenario é ben diferente do que era hai dous meses.

Estas medidas permitirían aos pequenos empresarios aliviar un pouco a súa situación de cara os vindeiros meses de incertidume. E é que, advirte, a recuperación económica vai ir para longo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí