BARBANZA> A inestabilidade do tempo obrigou a mudar de escenario, e os actos previstos que ían celebrarse inicialmente na Praza de España, foron finalmente para a carpa do mercado.
Alí desenvolveuse, un emotivo acto, coa participación dos centros educativos de secundaria do municipio e outras entidades, como é o caso de AMBAR, A Creba ou AGADEA.
O acto consistiu nunha homenaxe ás mulleres e nenos asasinados dende o 25 de novembro de 2023 ata a actualidade.
Un a un dábase lectura o seu nome…e a continuación colgábase nunha oliveira, que sería posteriormente plantada nun espazo público da cidade co fin de seguir honrando a memoria das vítimas.
En Lousame, a chuvia fixo tamén que o acto previsto para o exterior da praza do Concello, tivera que trasladarse ó salón de plenos.
A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, foi a encargada de dar lectura ó manifesto institucional, no que apelou ó compromiso que dende o Concello se fai coa igualdade e contra a violencia de xénero.
A continuación os alumnos de primeiro e segundo da ESO do CPI Cernadas de Castro deron lectura ás frases propostas dentro da campaña de sensibilización ‘Quérenme ben’, organizada polo Concello que forma parte do concurso, co mesmo nome, que se promove nas redes sociais.
As frases, en forma de pétalo,acabaron conformando tres margaridas con mensaxes polo bo trato ou en contra da violencia machista.











