POIO> Xa son 17 as persoas arrestadas polo ataque á Policía Local de Poio da pasada semana. As sete novas detencións foron practicadas a primeira hora desta mañá. Nesta ocasión, foron os detidos os que optaron por entregarse. Quedaron en liberdade provisional logo de prestar declaración esta tarde.
Ascenden a 17 as persoas detidas polo ataque a dous Policías Locais de Poio no poboado do Vao de Arriba o pasado día 3.
As sete novas detencións foron practicadas a primeira hora desta mañá. Nesta ocasión, foron os detidos os que optaron por entregarse. Segundo fontes da Garda Civil, entre os investigados de hoxe hai dous menores.
Durante esta tarde, os sete detidos pasaron a disposición do Xulgado de Instrución número 3 da Parda. Logo de prestar declaración, quedaron en liberdade provisional.
Segundo fontes da Garda Civil, entre os investigados de hoxe hai dous menores
Os dez primeiros detidos permanecen no Centro Penitenciario da Lama. Ao igual que a estes, ás persoas detidas hoxe se lles acusa de presuntos delitos de atentado contra a autoridade, agresións e danos.
Polo de agora, non hai que descartar posibles novas detencións, xa que as investigacións, feitas de xeito conxunto pola Policía Local e a Garda Civil, continúan abertas.
O Concello de Poio, ademais, ten previsto presentarse como acusación particular unha vez se inicie o proceso xudicial.
Os dous axentes feridos permanecen de baixa médica, recuperándose das súas lesións nos seus respectivos domicilios. Como consecuencia dos golpes recibidos, sufriron diversas contusións, mazaduras e cortes.