Falece o empresario Magín Froiz, fundador da cadea de supermercados

PONTEVEDRA> Hoxe faleceu en Pontevedra Magín Alfredo Froiz, propietario e fundador do grupo Distribuciones Froiz. O empresario, de 78 anos, estaba ingresado no Hospital Montecelo onde estaba a recibir tratamento dunha enfermidade que padecía dende había tempo. Actualmente era propietario de máis de 300 establecementos en diferentes puntos de España e Portugal. Todo un referente do mundo empresarial pontevedrés.

Máis de 300 establecementos en Galicia, Portugal, Castela e León, Castela A Mancha e Madrid, con máis de 6.000 empregados e unha traxectoria de prestixio de máis de medio século. Este é o legado que deixa Magín Alfredo Froiz, propietario e fundador do grupo Distribuciones Froiz.

O empresario, de 78 anos e veciño de Poio, falecía este mediodía no Hospital Montecelo, onde levaba un tempo ingresado para tratarse dunha enfermidade que padecía dende había varios meses.

Nado en Huesca, de cativo mudouse a Pontevedra coa súa familia, que era propietaria dunha carnicería na praza de abastos. No 1968 mercaba o primeiro supermercado, que sería o xermolo da cadea Supermercados Froiz, e que no 2003 foi reformado para acoller o hipermercado urbano Hiper Froiz.

A pesares do seu éxito, Magín Froiz sempre se mantivo ligado a Poio e a Pontevedra. En 1990 construíu o almacén loxístico de Lourido, sede central da compañía. Na actualidade a empresa está a construír un gran centro no polígono de Barro, con máis de 80.000 metros cadrados.

A súa traxectoria foi recoñecida en numerosas ocasións. Recolleu a Medalla de Ouro da provincia da Deputación de Pontevedra en 2008 e no 1996 o Cidade de Pontevedra, entre outros. Ademais, no 2017, sendo Mariano Rajoy presidente do Goberno, recibiu a Medalla ao mérito ao traballo.