Alcaldes do Salnés, preocupados polo impacto do nivel máximo en hostalería

SALNÉS> Sanxenxo, O Grove, Cambados e Meaño son os catro concellos do Salnés que pasarán ao nivel máximo de restricións. O elevado número de casos activos e, sobre todo, os fortes incrementos da última semana levou ao comité clínico a situalos en situación de risco extremo. Aínda que agardada en moitos casos, a nova sentou como un xerro de auga fría nos concellos, que lamentan que a hostalería vexa dificultada a súa actividade na época máis forte para o turismo.

Hai oito días en Sanxenxo había 75 casos activos de covid19. A día de hoxe son 305. Unha suba exponencial que, finalmente, levou ao concello a subir dende o nivel medio-alto de restricións ao máximo.

Para Martín, os novos requisitos de presentar unha proba diagnóstica negativa nas últimas 72 horas, un certificación de vacinación completa ou un xustificante de ter pasado a covid19 serían suficientes para deixar traballar a hostalería.

Unha preocupación pola hostalería que comparten no veciño concello do Grove.

Aquí estaban no nivel máis baixo de todos, pero pasaron de 23 casos activos a 94 en tan só unha semana. Unha cifra na que, segundo o alcalde, pesa o elevado número de turistas que están estes días na localidade, que rexistra unha ocupación hotaleira dun 85%.

Cambados é outro dos concellos do Salnés que a partires do sábado 24 estarán no nivel máximo. Aquí a sensación é agridoce: xa estaban no nivel alto que, aplicando os anteriores criterios do comité, supoñía o peche do interior da hostalería. Agora, no máis elevado, poderán traballar ao 30%.

Este novo nivel de restricións afectará de cheo á Festa do Albariño, prevista para a vindeira semana. Unha cita que deixará un ambiente ben diferente ao que vive Cambados nestas datas.

Cambados ten na actualidade 172 casos activos, ben lonxe dos 92 que rexistraba hai unha semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí