SANXENXO> Tamén se están a sumar á desescalada as bibliotecas públicas. As municipais volveron onte ao funcionamento, aínda que cos servizos reducidos: só estarán dispoñibles para o préstamo e devolucións de libros. Todo cuns estritos protocolos para garantir a seguridade. Hoxe visitamos a biblioteca municipal de Sanxenxo.
Dende onte a biblioteca municipal de Sanxenxo volveu á actividade. Pero este regreso pouco ten que ver coa normalidade que se vivía antes de que a pandemia do coronavirus dera a volta ao mundo.
Rosi e Carmela son as bibliotecarias que están á fronte deste servizo municipal no seu camiño cara a nova normalidade. Na porta principal do Auditorio Emilia Pardo Bazán atopamos un primeiro posto onde facer as devolucións, e este material ten que pasar a súa particular corentena. Se queremos levar un novo préstamo, un segundo posto agárdanos á entrada da sala da biblioteca no primeiro andar.
Teñen que adaptarse a todas as medidas de prevención marcadas polo Ministerio de Sanidade e os xeles hidroalcohólicos e as máscaras convertéronse en elementos fundamentais no seu día a día.
Polo de momento, a biblioteca só está dispoñible para o préstamo e devolución de material, e os usuarios non poden acceder á sala.
A biblioteca de Sanxenxo, no Auditorio Emilia Pardo Bazán está aberta entre as 11 da mañá e as 2 da tard. Poden contactar a través dos teléfonos 986 727 936 e o correo sanxenxo.rbgalicia@eidolocal.es. E recorden: mentres a nova normalidade non se pareza máis á que tiñamos antes da COVID-19, precisarán de cita previa para achegarse.