CAMBADOS> Condes de Albarei está a organizar catas virtuais a través das redes sociais, para achega-lo enoturismo ós fogares nestes momentos complicados. Tódolos sábados, a través de Facebook e Instagram, os expertos da adega adéntranse no mundo do Albariño, co obxectivo de dar a coñece-la súa versatilidade. A iniciativa está a reunir cada fin de semana a centos de amantes destes caldos.
O enoturismo explora novos xeitos de dar a coñece-la potencialidade dos viños de Rías Baixas. Na procura de novas experiencias, Condes de Albarei está a organizar catas virtuais a través das súas redes sociais.
As degustacións virtuais celébranse cada sábado, tanto en Facebook como Instagram. En cada sesión estase a catar un dos seus Albariños, co obxectivo de demostra-la versatilidade destes caldos. As sesións están conducidas por expertos da adega.
Ademais desta iniciativa, na adega buscan outros xeitos de fomenta-lo enoturismo. Outra das propostas que teñen en marcha é un sorteo a través das redes sociais de Condes de Albarei e Pazo Baión dun cento de packs enoturísticos. Cada semana sortean 10 entradas dobres para visita-la adega, unha vez reabra as súas portas.