BOIRO> O concello de Boiro desmentiu as acusacións formuladas polo PP sobre presuntos vertidos de augas fecais. Os representantes municipais aclararon que se tratou da limpeza periódica dos depósitos de abastecemento de auga e animaron ós populares a contrastar a información antes de alarmar á cidadanía.
Tras ter coñecemento polos medios de comunicación da denuncia formulada polo PP ó respecto de presuntos vertidos por parte da empresa encargada do saneamento municipal, o concello de Boiro solicitou os informes técnicos e medioambientais para aclarar os feitos e depurar posibles responsabilidades.
Constataron dende o goberno que non se produciu ningún vertido e que as imaxes difundidas polo PP corresponden ás tarefas de limpeza e baleirado dos depósitos de auga realizada o pasado 20 de decembro. Para realizalas foi requirida a presenza dos operarios da empresa responsable do saneamento para realizar o aspirado e limpeza das areas e restos do depósito, como se fixo sempre, tamén coa anterior adxudicataria.
O tenente alcalde presentou numerosa documentación que avala a realización destas tarefas como o corte de subministro nos depósitos os días 20 e 21 de decembro así como as autorizacións e certificados da empresa responsable da rede de sumidoiros que realiza o baleirado doas fosas nas instalacións destinadas a tal fin na depuradora de Cabo de Cruz.
Dende o goberno queren atribuír as acusacións dos populares a un erro de interpretación das imaxes aínda que consideran que o deber da oposición é denunciar ou poñerse en contacto con algún responsable municipal ou da propia empresa para aclarar a situación, en lugar de acudir ós medios xerando alarma entre a cidadanía.