A Pobra espertou hoxe fóra do peche perimetral no que se mantivo nas últimas semanas

POBRA> Aínda así segue en nivel alto de restricións, a pesar da evidente melloría nos datos, algo que xa se intuía a semana pasada vendo a tendenza á baixa nos niveis de contaxios.

Hoxe rexistra 18 casos activos a catorce días e atópase na franxa de 1 a 9 a sete. Unhas cifras que, de seguir así, fan pensar esta semana nunha nova baixada no nivel de restricións.

Aproveitando as altas temperaturas e o bo tempo existente, foron moitos os veciños e visitantes, agora que xa se pode entrar na vila, os que se animaron a pasear polas rúas e a tomar algo nos bares, que manteñen pechado os interiores, pero nos que xa se pode consumir en terraza.

Un pequeno respiro para os hostaleiros e tamén para o resto de negocios, que agardan, como auga de maio, a que se suavicen máis as restricións, e que os bares e restaurantes poidan atender tamén no interior.

No resto da área sanitaria Santiago-Barbanza obsérvase tamén unha melloría significativa nos datos. Hoxe o total de casos activos sitúase xa por debaixo dos 300, concretamente en 295, 63 contaxios menos dende o pasado venres.

Mellora tamén a situación nos hospitais, cun descenso no número de pacientes ingresados. Hoxe son un total de 18, 15 en planta convencional e 3 na unidade de críticos.

Por concellos, Ribeira suma hoxe 26 positivos. Boiro sitúase en 18 e Lousame presenta 13. O resto de concellos da zona mantéñense na franxa de 1 a 9 positivos a catorce días, a excepción de Muros, onde seguen sen diagnosticarse casos a 7 e 14 días.