Dimite o alcalde de Catoira tras un pacto con dous edís socialistas para tumbar a moción de censura

CATOIRA> Xiro inesperado na crise política de Catoira. O alcalde Xoan Castaño presenta a súa dimisión antes do pleno de moción de censura que o apartaría da alcaldía. Fíxoo para favorecer un acordo entre a súa formación e os socialistas contrarios ao pacto entre o PSOE e PP. A retirada da firma de dous edís socialistas provocou que o pleno fose invalidado.

Todo estaba previsto no concello de Catoira para que tivese lugar a moción de censura solicitada polo PSOE e o PP para derrocar ao goberno nacionalista de Xoán Castaño, pero o desenlace deste pleno, aprazado dende marzo por mor do coronavirus, non sería o esperado. Convocado para as 12, a esa hora ningún dos edís catoirenses atopábanse no salón de plenos. Minutos máis tarde aparecía o líder dos populares Iván Caamaño, estivo uns segundos na sala e volveu a marchar, algo saíase do guión. Con media hora de retraso aparecían os edís do goberno do BNG e posteriormente dous concelleiros socialistas. Unha vez formada a mesa de idade informábase que Xoan Castaño dimitira e que eses edís socialistas retiraban a súa sinatura da moción de censura, o pleno quedaba invalidado.

Xoán Castaño asegurou que presentou a súa dimisión para non entorpecer as negociacións entre o BNG e o PSOE e poder dar a Catoira un goberno progresista e nacionalista.

Xoan Castaño deixa de ser o alcalde de Catoira pero non pecha a porta a seguir como concelleiro. Pola súa parte, os edís do PSOE que retiraron a súa sinatura, Dani Touriño e Roberto Bouzón, explicaron a súa postura a través dunha nota de prensa, tamén firmada pola súa compañeira Purificación Quintás. Os socialistas aseguran estar avalados polo seu partido para buscar unha alianza co BNG e dar a Catoira un goberno progresista e de esquerdas. Móstranse contrarios ao acordo acadado co PP defendendo unha postura que non dependa de sillóns nin vagas promesas. Remataron pedindo desculpas aos catoirenses por todos os acordos e situacións inexplicables que se deron neste primeiro ano de mandato.