O Concello de Pontevedra colaborará na desescalada dos maiores confinados nas residencias da cidade

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra vai colaborar na desescalada das persoas confinadas nas residencias da terceira idade que hai na cidade. Esta mañá, o alcalde da Boa Vila reuniuse coas directoras dos tres centros para abordar esa relaxación das medidas. Desde o Concello incidirase na limpeza e desinfección das inmediacións das residencias e na vixilancia para que se manteñan as distancias de seguridade nas saídas dos maiores á rúa.

As tres residencias da terceira idade que hai na cidade de Pontevedra superaron, polo de agora, a crise sanitaria sen contabilizar ningún falecido nin infectado por coronavirus. Esta mañá, Miguel Anxo Fernández Lórez reuniuse coas directoras da residencia de Campolongo, Soremay e Saraiva.

Para o alcalde da cidade isto non é casual. Entende que o esforzo e profesionalidade dos traballadores dos centros foi clave.

Agora, no proceso de desescala, o concello comprométese a colaborar con estes centros para garanti-la seguridade dos maiores, que levan illados e sen recibir visitas dous meses e medio.

O goberno local comprometeuse a esforzarse na limpeza e desinfección das zonas próximas ás residencias. Tamén apoirán a vixilancia para que se manteñan as distancias de seguridade na saída á rúa dos maiores.

Para iso, Lores comprometeuse a que a Policía Local e Portección Civil axudarán nas tarefas que permitan garantir as distancias de seguridade nos espazos públicos próximos a eses tres centros.

Na residencia de Campolongo residen na actualidade 95 persoas, en Soremay 82 e en Saraiva, 38.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí