RIBEIRA> Tras rexeitar o control de aforo das praias mediante a plataforma dixital proposta pola Xunta, os concellos estudan fórmulas alternativas para limitar o acceso ós areais. Ribeira farao mediante drons que detecten as zonas onde se produzan aglomeracións.
A comisión de seguimento do COVID acordou a adquisición de dous drons que controlarán o aforo das praias durante este verán. Estes equipos estarán dotados de sistema de infravermellos e altofalantes polo que, ó detectar aglomeracións, poderán advertir ós bañistas para que se dispersen.
Tres axentes da Policía Local e outros tantos do GAEM recibirán formación para o manexo dos dispositivos. Ademais do control das praias os drons utilizaranse para a vixilancia dos montes ante posibles incendios ou na busca de persoas desaparecidas.
Ademais dos drons, o concello de Ribeira vén de adquirir arcos para toma de temperatura e desinfección que se instalarán en diversas instalacións municipais. O primeiro deles xa está operativo na entrada principal da casa do concello.