Limitación da mobilidade e xuntanzas só de conviventes: Pontevedra, Poio e Marín de novo ‘confinados’

PONTEVEDRA/POIO/MARÍN> As medidas xa están en vigor. Sanidade limitou a mobilidade en Pontevedra, Poio e Marín. Non se pode saír destes concellos, pero si pode haber desprazamentos entre eles. Ademais, nestes tres concellos limítanse as xuntanzas só a conviventes. A medida implantouse hoxe ás tres da tarde, co obxectivo de reduci-los desprazamentos nesta fin de semana marcada polo Día de Defuntos. As restricións vanse revisar o vindeiro martes.

Ante o aumento dos contaxios e ás portas dunha fin de semana especialmente complicada, polas festividades de Defuntos e de Tódolos Santos, Sanidade toma medidas. Dende esta tarde quedaron pechados de xeito perimetral os concellos de Pontevedra, Poio e Marín.

Nos concellos afectados, a Policía Local xa comezou ás 3 da tarde a facer controis para garanti-lo cumprimento das novas restricións. Como este nun dos accesos a Poio.

Quendan limitadas as entradas e saídas nestes tres municipios, aínda que si que pode haber desprazamentos entre eles. É dicir, un veciño de Pontevedra pode cruza-la Ponte da Barca para ir a Poio sen ningún tipo de xustificación, pero non poderá ir visitar un cemiterio do Concello de Barro, por exemplo.

Ademais, as reunións socias quedan limitadas en Pontevedra, Poio e Marín a persoas conviventes. O resto das restricións nestes tres concellos mantéñense no nivel dous, polo que bares e restaurantes poden seguir atendendo ós seus clientes no interior, cun aforo do 50% e sen consumo en barra, e coas terrazas ó 75%.

As medidas buscar reducir desprazamentos innecesarios e evitar encontros familiares, que son nestes momentos principal foco de contaxio. Máis aínda, tendo en conta a gran cantidade de viaxes a cemiterios que estaban previstas para estes días.

As restricións vanse revisar o vindeiro martes, cando se vai reunir de novo o comité clínico para analiza-la situación da pandemia en Galicia.

Estas medidas tamén se aplicaron no resto de grandes cidades de Galicia e tamén noutros concellos de menor entidade, pero na que a situación epidemiolóxica tamén é complicada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí