Os concellos de menos de 10.000 habitantes viven dende hoxe un alivio das restricións

GALICIA> Galicia entrará na fase dúas a partir do vindeiro luns. Pero hoxe xa hai novidades nos concellos de menos de 10.000 habitantes. Neses municipios xa non hai franxas horarias para ir pasear, os menores de 14 anos poderán saír á rúa acompañados dos dous proxenitores e está permitido afastarse ata 5 quilómetros da vivenda. Neses concellos tamén hai cambios na hostalaría. Poderase consumir xa no interior de bares e restaurentes, cun límite do seu aforo do 40%.

O Boletín Oficil do Estado publica hoxe a orde que elimina as franxas horarios para paseos e deportes en concellos de menos de 10.000 habitantes e que teñan unha densidade de poboación inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado. Dende hoxe, os veciños deses municipios poden saír pasear ou facer deporte  a calquera hora do día.

Ademais, os menores de 14 anos poderán saír pasear cos dous proxenitores xuntos. Flexibilízase tamén o ámbito territorial en que poderán desprazarse.

Nesas saídas está permitido afastarse ata 5 quilómetros da vivenda, tanto dentro do municipio, como nalgún concello limítrofe, se este tamén cumpre as condicións de ser unha localidade de menos de 10.000 habitantes e pertence á mesma provincia.

Na mesma orde publicada hoxe, hai tamén novidades para o sector da hostalaría. Permítese a reapertura de locais para consumir no seu interior, agás discotecas. O límite do aforo será do 40%. Nestes concellos tamén muda o aforo das terrazas de bares e restaurantes, que se amplía ata o 50% da súa capacidade.

En base a esta orde, tamén se autoriza a reapertura de mercados ambulantes. Neste caso, cada concello será o encargado de determina-la distancia entre cada posto e o resto de medidas para garanti-la seguridade de traballadores e compradores.

As salas de lectura das bibliotecas estarán abertas, e tamén poderán utilizarse os ordenadores de consulta, pero sempre cun 30 % da capacidade total e limpando tanto a zona de lectura como os ordenadores ou outros dispositivos entre un usuario e outro.

Ó igual ca na fase dúas, na que Galicia entra o luns, nestes concellos xa se poderán facer velorios de ata 15 persoas nun espazo pechado. Nos enterros poderán participar 25 persoas.

As igrexas, pola súa banda, poden abrir ó 50% da súa capacidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí