A Deputación da Coruña investirá preto dos 240 mil euros en diversas melloras de rúas en Porto do Son

PORTO DO SON> Os proxectos, financiados ó 100% con fondos do Plan Único, o coñecido  coma POS+ 2019, están xa en fase de licitación pública.

Un dos proxectos máis importantes a acometer polo seu importe, ó redor dos cen mil euros, é o de humanización da rúa da Fonte, en Portosín. A dita rúa atópase cun evidente estado de deterioro debido ás irregularidades da calzada provocadas polas numerosas obras realizadas con anterioridade para acometer instalacións de abastecemento de auga e saneamento e conta con múltiples barreiras arquitectónicas.

As obras suporán unha reforma integral da rúa, actuando sobre as beirarrúas, a calzada, as instalacións aéreas e soterradas, ademais da confluencia co Paseo de Coira e a rúa do Con.

O proxecto contempla a eliminación das barreiras arquitectónicas, dándolle prioridade ó peón fronte ó tráfico rodado. Pavimentarase toda a rúa, eliminando os parches e fochancas existentes e mellorando notablemente o seu aspecto, o que contribuirá tamén o soterramento da maioría das instalacións aéreas de electricidade e telefonía. Ademais dotarase a todo o conxunto de novo mobiliario urbano e árbores.

A fonte que da nome á rúa, recollida no catálogo de patrimonio cultural do propio PXOM municipal, será tamén recuperada e posta en valor.

Con cargo ós fondos do Plan procederase tamén ó acondicionamento doutras tres rúas do municipio, como son Petón, Petón da Baia e Costa Granxa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí