PORTO DO SON> A Garda Civil detivo a unha parella de Ourense, aínda que con residencia en Portosín, coma presuntos autores dun delito de estafa nesta última localidade.
A investigación iniciouse o pasado mes de marzo, tras ter coñecemento dos feitos a través da denuncia presentada no cuartel pola propia vítima do engano.
Ó parecer os dous detidos ofrecéronlle formar parte dunha sociedade nun bar coa promesa de que obtería unha alta rendibilidade.
Durante os meses seguintes, a vítima foi realizando diversas aportacións económicas por un importe total de preto dos 126 mil euros.
O diñeiro, ó parecer, ía ser empregado para unhas reformas que nunca chegaron a realizarse.
Durante as investigacións os axentes do Instituto Armado puideron comprobar tamén como boa parte dese diñeiro foi empregado na compra de coches, viaxes e outros bens.
Tras a súa localización e a posterior detención da parella, a Garda Civil tamén detivo a outra persoa, tamén veciño de Ourense, ó que a vítima sinalou coma o presunto ‘cabecilla’ da estafa.
Os tres foron postos a disposición xudicial do Xulgado de Instrución Número 2 de Noia que é quen instrúe a causa.