Os menos de 5.000 veciños da Illa ‘eliminan’ as franxas horarias na desescalada

A ILLA> Entre estes municipios de menos de 5.000 habitantes que non están afectados polas divisións horarias da desescalada está A Illa de Arousa. Os seus veciños non se teñen que axustar ás franxas por idades para gozar dos paseos e da práctica do deporte. Ademais, o concello tomou varias medidas nos espazos públicos máis concorridos para facilitar o cumprimento das distancias de seguridade.

Na Illa de Arousa, un veciño de 75 anos pode pasear ás 10 da mañá; un de 35 pode saír correr á 1 do mediodía e os nenos poden estar xogando ás 8 da tarde. O seu municipio é de menos de 5.000 habitantes, polo que non se teñen que someter ás franxas horarias que regulan as saídas nesta primeira fase da desescalada.

O goberno local xa tomou medidas no Parque do Carreirón para facilitar que se respecten as distancias de seguridade, e non descartan aplicalas noutros espazos, como as sendas.

O executivo está satisfeito co cumprimento xeral que a veciñanza fixo das restricións impostas para controlar a pandemia. Nesta nova fase da desescalada, cada vez pensan máis na reactivación económica da vila.

Pero para que poidamos seguir avanzando na desescalada é fundamental seguir cumprindo coas normas para evitar os contaxios. E conseguir frear así o avance do coronavirus.