A enquisa da Illa sobre vivenda confirma o alto interese da mocidade en mercar casa no municipio

A ILLA> Case 250 persoas participaron xa na enquisa que ten en marcha A Illa de Arousa para coñercer as necesidades de vivenda no municipio. A sondaxe continúa aberta, pero xa ofrece datos que veñen confirmar que no concello hai un problema co prezo da vivenda e un motivo de expulsión da xente nova cara a outros municipios. De feito, de media, a xente que participa na enquisa rolda os 35 anos. O 80% dos que marcharon da Arousa estarían da Arousa estarían dispostos a volver se conseguisen unha casa a un prezo razoable.

A enquisa que ten en marcha o concello da Illa de Arousa para coñecer o interese da xente na compra dunha vivenda pública confirma algo que era unha evidencia: no municipio insular hai un problema coa vivenda e cos prezos que se traduce na expulsión da mocidade cara outros lugares. Polo de agora, o alcalde celebra o alto índice de participación. Coa sondaxe aínda aberta, responderon xa ao cuestionario case 250 persoas.

Ademais da idade, da enquisa despréndense outros datos. O 86% está traballando, de media gañan uns 1.200 euros ao mes e de poder optar a unha vivenda gustaríalles que tivese tres habitacións e dous baños. Ademais, salienta que o 80% daqueles que tiveron que marchar da Illa estarían dispostos a volver se atopasen alí vivenda.

Porque iso é o que está pasando nos últimos anos, onde o concello perde poboación e se sitúa xa por debaixo dos 5.000. Coa enquisa aínda en marcha, o alcalde pon xa sobre a mesa solucións. Unha delas pasa pola construción de vivenda pública, caso dos terreos que o concello acaba de adquirir ao Plan Nacional sobre Drogas na Avenida da Ponte, onde poderían construírse alomenos unhas 70 vivendas. Un proxecto para o que o concello precisa axuda.

A outra proposta que tamén comenta Arosa é a creación dunha cooperativa de vivendas de promoción oficial.

A enquisa sobre vivenda da Illa aínda está aberta. Pódese cubrir o formulario a través da web municipal ou das súas redes sociais.