Situación ‘crítica’ no encoro de Caldas pola presenza de cianobacterias

CALDAS> O embalse de Caldas atópase, un verán máis, en estado de alerta pola proliferación de cianobacterias. Sanidade instou xa ó goberno local a alertar sobre o risco para o baño. Dende o concello, os catro grupos municipais veñen de crear un comité de crise para reclamar solucións: pídenlle á Xunta que asuma as súas responsabilidades. O alcalde cualifica de ‘crítica’ a situación do encoro.

Un verán máis, o encoro da Baxe tínguese de verde. Hai xa máis de 12 anos que na presa de Caldas se dá esta situación. Son as cianobacterias que proliferan en augas estancadas, como é o caso, cando aumentan as horas de luz e soben as temperaturas. Augas de Galicia decretou o estado de alerta, porque o nivel de células por milímetro de auga supera as 2.000.

O problema parece estar claro: un encoro que con 20 anos de historia, foi polémico dende antes mesmo de ser construído. O alcalde da localidade recoñece que arestora a situación chegou a niveis críticos.

Tal é así que Sanidade insta agora ó Concello a alertar sobre o risco para o baño. No Consistorio, mentres, os catro grupos municipais decidiron crear un comité de crise para consensuar medidas e reclamar á Xunta solucións. O alcalde teno claro: o máximo responsable desta imaxe é o goberno galego.

O rexedor explica que esta situación está xerando un impacto económico negativo por varias razóns: unha, o encarecemento da auga que se subministra, outra, a prohibición do ocio fluvial.

Un baño nestas augas pode provocar reacción na pel. No caso de ser consumida sen tratar, podería ocasionar problemas gastrointestinais.