PONTEVEDRA> Se o comercio se enfronta a un futuro incerto, os emprendedores tampouco o teñen nada doado. En Pontevedra presentaron hoxe a sétima edición do Pont-Up Store, un evento que este ano vai poñe-lo foco nos desafíos derivados da crise do coronavirus. Ademais, como novidade, este ano contará cun espazo para o fomento da internacionalización. Dende a organización confían en que poida ser presencial.
O Pont-Up Store preséntase na súa sétima edición como máis necesario ca nunca. A crise económica derivada do coronavirus supón todo un desafío para emprendedores e novos proxectos.
A sétima edición mantén a súa aposta polo fomento da igualdade empresarial. Trae como principal novidade un espazo de internacionalición, sen perder de vista a necesidade de fomenta-lo emprendemento con visión social.
Tanto o concello de Pontevedra como a Deputación de Pontevedra patrocinan o Ponte-Up. Dende o organismo provincial entenden que este tipo de accións son fundamentais para o desenvolvemento de iniciativas empresariais.
Esta sétima edición, prevista para o mes de setembro, mantense como presencial. Con todo, a organación ten previsto un Plan B, en función da evolución da COVID-19.
Así que, se todo vai ben, esta imaxe hase volver repetir en setembro, na praza de España de Pontevedra. O ano pasado, a iniciativa contou con preto de medio cento de stands e 60 actividades.