A cata-concurso e o túnel do viño sálvanse da cancelación da Festa do Albariño

CAMBADOS> Xa é oficial. Cambados non terá Festa do Albariño este ano. A cita súmase ás cancelacións dos eventos multitudinarios da comarca pola crise sanitaria provocada polo coronavirus. Si se celebrarán os eventos sectoriais organizados polo Consello Regulador, como cata concurso e o Túnel do Viño.

Nin casetas no Paseo da Calzada, nin foodtrucks nin concertos multitudinarios. O concello de Cambados fai oficial algo que xa adiantara a finais de marzo: este ano non haberá Festa do Albariño.

As características do evento, que fai que nunha fin de semana pasen por Cambados máis de 200.000 visitantes, fan imposible que a súa celebración sexa compatible coas normas de seguridade sanitaria. Iso si, dende o concello agardan que os veciños non renuncien por completo á festa.

Así as cousas, a cancelación non será total. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas manterá as citas de carácter máis sectorial, como a cata-concurso e o Túnel do Viño.

Aínda que recoñece o duro golpe que supón esta cancelación para Cambados, Tino Cordal asegura que o concello traballa para dar forma a unha completa programación cultural para o verán, que se axustará a todas as normas de seguridade sanitaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí