O pago dunha débeda herdada do anterior goberno levaría a Catoira a unha situación ‘crítica’

CATOIRA> O alcalde de Catoira advirte de que a situación económica do Concello é crítica. A situación vaise agravar, di o nacionalista, despois de ter coñecemento dunha sentenza que obriga a pagar máis de 180.000 euros ó executivo e que, segundo din, o anterior alcalde agochou. Ese pagamento pendente corresponde a unhas melloras executadas na pérgola de acceso ás Torres de Oeste.

O caso remóntase ó 2010, ano no que o Pleno catoirense adxudicou á empresa Marconsa a actuación no conxunto histórico-monumental das Torres de Oeste. O conflito entre o Concello e a empresa responsable da proxecto xorde no apartado de melloras, que contemplaban o ensanche da pérgola de acceso ó recinto.

No 2014, o daquela rexedor, Alberto García, aprobou unha resolución de alcaldía liquidando esas obras. Aí comezou o tirapuxa xudicial entre o Concello e a empresa, que culminou agora coa recepción dun auto no que se desestiman as pretensións do anterior goberno: a dédeba non poderá pagarse en 15 anos, senón que como moito, en 2. O importe ascende a máis de 180.000 euros.

O nacionalista acusa ó anterior alcalde de escurantismo e de ter ocultado, de xeito reiterado, información sobre a precaria situación económica.

Agora, o auto do Xulgado do Contencioso administrativo nº 3 de Pontevedra obriga ó Concello a notificar, no prazo de dous meses, como pensa paga-la débeda, ben mediante un pago completo antes de que  remate o ano ou de xeito fraccionado durante os vindeiros dous anos. Para o rexedor, a situación é moi complicada.

Se o Concello non executa o pago, o Xulgado pode acabar embargando bens á administración local e mesmo impoñer multas coercitivas de 1000 euros ó mes ó actual rexedor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí