A ILLA> A Xunta de Galicia colaborará cos concellos na vixilancia das praias ante a COVID-19. A administración autonómica apoiará aos pequenos e medianos municipios nos gastos de persoal e medios adicionais que precisen para reforzar a seguridade nos areais.
Coa chegada do bo tempo, a vixilancia das praias ante o coronavirus é unha das cuestións que máis preocupa aos concellos. A Xunta vén de anunciar que establecerá convenidos cos medianos e pequenos municipios para axudalos a asumir este esforzo, cun orzamento total dun millón cen mil euros.
A contratación de máis persoal será outra das liñas na que a administración autonómica apoiará as necesidades dos concellos. Unha medida que complementará a función dos efectivos de socorrismo, que xa teñen a súa tarefa asignada.
Ademais, a Xunta abre a porta á colaboración na adquisición de medios para a limpeza das praias e das súas instalacións comúns, así como da recollida de residuos. Para Rueda, esta cooperación entre administracións é fundamental para a recuperación económica.
Con estes convenios o executivo autonómico busca axudar a garantir un uso seguro dos espazos públicos e, en concreto, das praias, que constitúen un dos principais focos de atracción de turistas durante o verán.